FERVENZAS
FERVENZAS

Algo de Historia

 

 

 

 

Os  restos arqueolóxicos máis antigos atopados, indícannos que a ocupación  do territorio galego   foi anterior o Paleolítico, a pesar desto, o Paleolítico e o Mesolítico foron moi pouco estudiados en Galicia. Un dos principais factores culpables desto  foi a gran cantidade de restos posteriores coma as mámoas e castros.

A facilidade do estudio destes restos deixou de lado a investigación  das etapas anteriores da prehistoria.  A pesar de todo, no noso país existen restos importantes do Paleolítico como demostraron os estudos da USC nunha investigación na cova de Eirós, en Triacastela que no ano 2008 catalogou restos que confirman a presenza de Neandertales. Estes restos, de 35000 anos pertencen  o Paleolítico medio, noutro lugar de excavación atoparonse restos do Paleolítico superior, pertencentes xa o Homo Sapiens. Estes descubrimentos convirten esta cova nun dos principais xacementos do noroeste, pola cantidade de restos atopados, que permiten un estudo da fauna e flora da época.

As costumes de vida dos primeiros poboadores apuntan a unha densidade de poboación reducida, de carácter nómada,  sociedades de cazadores-recolledores, de escaso desenrolo tecnolóxico. No Achelense,  co aumento da capacidade reflexiva e de comunicación entre individuos, estes poboadores comezaron a utilizar bifaces (machados de man), xeneralizase o uso destes utensilios e van aparecendo outros novos e mais especializados. O Neandertal foi o inventor e descubridor das novas formas de traballo da pedra (Musteliense). O uso e especialización de ferramentas fai que os pequenos grupos de individuos vaian pasando a grupos mais grandes por un mellor aprobeitamento dos recursos. No Paleolítico superior xa se usan ferramentas coma “coitelos” fabricados con láminas de silex ou cuarcita, armas arroxadizas e posiblemente arcos. Nas covas comezan a aparecer as pinturas. En Aranga ¿non temos? Constancia de restos desta idade, pero a existencia de múltiples restos do Neolítico fannos pensar na ocupación anterior deste territorio. A aparición dun posibel útil de sílex, utilizado en ferramentas do Paleolítico inferior, pode ser proba desta ocupación, ademais do movemento migratorio, xa que na zona onde foi atopado non abunda este material. A causa principal de que non aparezan restos desta antiguedade pode ser pola falta de covas ou refuxios naturais, o que obrigaba os grupos que puideron avitar aquí a construcción de refuxios o aire libre, o que xunto o carácter nómada fai moi difícil a aparición de indicios destes asentamentos.

Co avance do Neolítico as costumes destes poboadores van cambiando de cazador-recolledor a productor. Comezan a aparecer asentamentos mais ou menos estabeis. Este fenómeno histórico en Galicia denominase Megalitismo, e una das probas mais abondosas son os túmulos megalíticos, mámoas, enterramentos datados entre o 3500 e o 1500 a.C. Das que hai boa mostra delas na nosa comarca.

Machadas

En tempos as mámoas foron vítimas dos espolios baixo a crenza de que agochaban grandes tesouros, e dos traballos propios do agro, explotación agraria e forestal.

As mámoas teñen orixinalmente una extructura esférica cunha planta circular ou elíptica. A materia prima de construcción pode ser de terra, pedra ou das duas.  E frecuente que o sedimento do túmulo estee cuverto de pedras encaixadas entre sí, algunhas teñen no seu interior outras estructuras, cámaras de pedra de forma poligonal, algunha dispón de corredor de acceso. Dirixidas a enterramento colectivo.

Outras mais pequenas, sen estructura apuntan a un enterramento individual, as dimensións van de uns poucos metros de diámetro por un de alto ata acercarse os corenta de diámetro por dous de altura.

As diferenzas de construcción e dos restos atopados nestes enterramentos sinalan distincions sociais entre os individuos e sinais de rituais de carácter relixioso.

Comeza a expansión da gandería e a agricultura, no Mesolítco afianzandose os asentamentos mais permanentes e toda-las actividades relacionadas,  aparecen as primeiras canteiras, camiños… A sociedade  xerarquizase cada vez mais, aumentando os intercambios comercias entre grupos e tamén os enfrentamentos violentos. Comezan a desaparecer os enterramentos megalíticos, cambiando a uns mais individuais nos que se depositan utensilios que reflexan a importancia ou posición social do individuo.

A Idade de Bronce marca a fin do megalitismo, aumentando a actividade comercial con outros territorios da península. Aparecen os petróglifos, coma os de Feás.

No século VII aC, comezando a Idade de Ferro desenvolveuse no noso país a cultura castrexa, coa cal os asentamentos afiánzanse, con poboados mais ou menos fortificados, os castros, dos que quedan moitos en Aranga, en Fervenzas existen restos de tres, en Os Casarellos, O Valló, e o mais grande e mellor conservado, As Cotorras, cerca de O Painzal. Como exemplo destas construccións describiremos o castro de As Cotorras.

A aparición dos castros ben relacionada coa chegada a península de grupos indoeuropeos, dos chamados Celtas, o mais probable é que estes grupos foráneos se mezclaron coa poboación autóctona.Son moitos e moi variados os restos de cerámica e metáis desta época, destacando a abundancia do uso do ouro.

Na cultura castrexa ten moita importancia a producción de cereais e a gandería, incluindo a recolección de froitos, sendo moi importante o aprobeitamento das carballeiras, ademais da madeira, as landras tiñan certa importancia na dieta destes poboadores.  A minería desencadea un importante movemento comercial o longo da península. O igual que outra culturas a relixión marcaba moito a vida destes poboados, donde a superstición ten gran importancia. Poderíanse dar casos de sacrificios de animais e mesmo humanos.

Os romanos chegaron a nosa terra tarde e de forma incompleta, os poboamentos castrexos foron absorvendo progresivamente os elementos da cultura romana, ata quedar totalmente romanizados.

Os romanos constuen una extensa rede viaria para o mellor aprobeitamento dos seus intereses. Por Fervenzas pasaba algunha destas calzadas. Outra proba da romanización foi a ARA votiva atopada no prebisterio da Igrexa de San Vicente, depositada no Museo das Mariñas de Betanzos.

No ano 409 a chegada dos pobos xermánicos poñen fin a estructura político-administrativa do mundo romano.

Despois da invasión musulmá, comeza unha etapa de repoboación iniciándose as bases do que será mais adiante a sociedade feudal. Aumenta o desenvolvemento das ciudades e aparece o cristianismo, feito que vai cambiar moito a forma de vida de Galicia.

O Medievo poden pertencer os restos do coñecido como o Castelo de Aranga, na desembocadura do río Cambás no Mandeo. Tamén existen referencias dunha torre construida en tempos de Teodomiro no Monte Catón chamada Castrum Jeaccium, da que non se coñecen indicios físicos.

Durante a idade media a sociedade feudal supuxo o sometemento da poboación, cometendose todo tipo de abusos, que deron lugar as revoltas irmandiñas. O Castelo de Aranga puido sobrevivir a estas revoltas xa que o Señor deste castelo gozaba das simpatias dos veciños, os que axudaba e protexía. A pesar desto, en Aranga non se libraron dos abusos de outros “señores” e dos seus achegados, estes abusos deron lugar o “pletio de Carballotorto” polos abusos cometidos contra os veciños deste lugar, baixo a influencia do mosteiro de Sobrado.

Dereito de pernada, o pleito de Carballotorto

(Carlos Barros)
        

A meirande parte das novas explícitas que manexamos sobre o dereito de pernada corresponden, ou teñen nelas a súa orixe última, a fontes orais de tipo xudicial, relacionadas case sempre con conflictos sociais e políticos e/ou coa cultura popular. Son os vasalos, na Baixa Idade Media, quen, desde a tradición popular, oral e de revolta, desenmascaran o dereito de pernada como unha violación encoberta. Se ben, letrados de Corte primeiro e historiadores eclesiásticos despois, van converxer con esta presión desde abaixo, dando cabida na cultura savante a unha tradición oral antiseñorial que se formou, paseniñamente, desde finais do século XIV, ou antes. En 1385, García Gómes, alcalde maior do reino de Galicia polo Rei de Castela, dicta a sentencia arbitral dun pleito, entre os campesiños de Aranga e o mosteiro de Sobrado, sobre señorío, rendas, xustiza e dereitos de vasalaxe: en favor da abadía en canto a propiedade e xurisdicción, e en beneficio dos campesiños reconocéndolles usos como pacer o gando e cortar leña nas terras do couto, e eliminando outros constumes, denunciados como abusivos polos veciños, como cobrar maniñádego -o señor quedaba cos bens do difunto sen herdeiros- habendo descendencia, ou o mesmo dereito de pernada. Oíamos ó representante do campesiños, Xoán Nieto:

“me dijo e me querello”, afirma perante o xuíz real, que “levaban los grangeros de Carballotorto sus mujeres contra su voluntad para facer fueros en la dicha granja, non sabian quales, e que los tenian allá dos o tres dias”.

Non fala claro Xoán Nieto -nunca se fala claro tocante ó dereito de pernada-, pero entender enténdese. A proba de que comprendimos ben, témola no ton do fallo que emite o oficial real:

“E otrosí en razon de las mujeres que eran tenudas de ir servir duas vezes en el año al granjero de carballo tuerto en la manera que dicha es fallo que tal servicio é tal fuero que non es onesto e por mal desonestidad que se podria ende seguir mando que tal fuero que non se faga”.

Nesta mostra do dereito aplicado, aínda que con sobrentendidos, substituíese o”non sabian quales”de Xoán Nieto, dos misteriosos servizos que as mulleres emprestaban ós do Carballotorto por un aberto “tal fuero non es onesto”, aseveración que inculpa ó representante señorial, un clérigo granxeiro que, despois disto, terá que ser nomeado, dise no dictame, mediante acordo do mosteiro cos campesiños:

“quando y oviere de poner algun granjero que llamen y dos omes buenos de la dicha ribera que le tomen juramento que ben é verdadeiramente guardara e defender a los dichos omes de la dicha ribera (…) e se contra esto les pasare que le tiren la granja e pongan y otro”.

A autoridade real tenta dar cabo dunhas prácticas señoriais que, teóricamente, como vimos, o dereito legal viña condenando desde as Partidas e o Fuero Real: as medias tintas con que o dereito promulgado abordaba estos costumes sexuais desaparece, un século despois, no dereito aplicado por mor da revolta dos propios vasalos. A imposición xudicial ó mosteiro dun dereito de veto dos vasalos sobre o seu administrador e cobrador de impostos no couto de Aranga, ademais de evidenciar a súa culpabilidade no asunto do sexo feudal, é un éxito característico do dereito de revolta, simbolizado aquí nese estraño ritual invertido do xuramento que, agora, ha de tomar o representante do señor ¡perante dous vasalos do couto! Como, nesta vez, a tradición oral éralles desfavorable (semellaba costume antiga que as mulleres fosen soas a prestar dito servicio á granxa), os campesiños buscan alicerce no dereito escrito e se dirixen ó alcalde real para que averigue en que documentos consta dita obriga; quen fundamenta, precisamente, a súa sentencia contra o dereito de pernada en que “no fue mostrado ante mi carta nin privilegio ni recabdo cierto porque lo debiesen hacer”.Ratificamos, deste xeito, o carácter consuetudinario do dereito de pernada, neste caso a versión ampliada que se atribúe por tradición ós granxeiros de Carballotorto, parte e representante do señor colectivo que é a abadía de Sobrado. Fala o portavoz campesiño Nieto de “sus mujeres”, polo que é case seguro que, en primeiro lugar, se refire ás casadas, sendo posible que dito servicio sexual principiara no día dos seus casamentos.

Existe, por conseguinte, unha dobre ampliación do clásico dereito de pernada: no tempo, coa institucionalización periódica do tributo sexual como un foro máis que obrigaba ós vasalos; nos beneficiarios, pois non é o abade nin un granxeiro concreto, senón “los grangeros” -segundo o representante campesiño- quen satisfacen así os seus apetitos terreais. Esta pluraridade de persoas que, en nome do señor, parecen percibir este foro tan especial e a importancia aquí da motivación sexual, achéganos ó fenomeno da dexeneración deste uso e costume, chegándose ó extremo dos alcaides e soldados das fortalezas que violan, sen máis, as mulleres da súa jurisdicción. Onde anteriormente había consentimento -antes da protesta de 1385, presúmese que as mulleres prestaban pacíficamete o dito servicio-, haberá simple violencia sexual. Daquela, a resposta campesiña non se reducirá a poñer pleito ó señor, e entón, tamén hai que dicilo, o señorío laico protagonizará principalmente o papel do malfeitor. O dereito de pernada continuará vixente, aínda que impugnado, en Galicia, alomenos ata 1458, tanto na súa versión restrinxida e primixenia, señorial e nupcial, como na súa versión ampla, cada vez máis extendida e practicada polos delegados e soldados do señor os restantes días do ano. A noite de vodas, en todo caso, era o privilexio do amo. Ius primae noctis viña sendo un dereito persoal do señor a satisfacer na noite da voda; a súa emulación por parte dos axentes señoriais, á marxe do ritual do casamento, acabará por se diferenciar pouco da violación con abuso de autoridade, degradación final do dereito de pernada. O seu cambio de percepción como violación acompaña, na Baixa Idade Media, ó desprazamento da acción do señor ós seus subordinados. O forzamento de mulleres do común por parte dos homes do señor, especialmente os que vivían en e das fortalezas, será un dos grandes tipos de agravios de desencadean a ira xusticeira e antiseñorial dos irmandiños en 1467. A propagación nos escalóns inferiores do poder señorial dun dereito de pernada en plena decadencia, incrementa tanto número de violacións coma a violencia con que estas se producen, ó medrar, asemade, a contestación dos vasalos contra dito uso metamorfoseado en abuso.

O guerreiro do castelo, a diferencia dos nosos sutís granxeiros do Carballotorto, tomará sen máis, pola forza, á doncela que se atopa co gando no monte ou traballando as viñas, violándoa in situ: o revés do preciso ceremonial que fixa o rol sexual do señor como parte do ritual do casamento dunha parella de vasalos, ou do rito de ir ofrecer o tributo sexual determinados días ó ano como se dunha renda máis en especie, en diñeiro ou en traballo, se tratase.

Tamén na vila

 O clima de polarización social e mental, na segunda metade do século XV, contribúe non pouco a sumar mulleres violadas ós múltiples agraviados do reino de Galicia. Aínda vinte anos despois da revolta irmandiña, en 1489, nun dos intentos máis serodios, e inútiles, de voltar á dourada situación anterior a 1467, Nuño Gómez de Puga, alcaide da fortaleza de Allariz por Juan Pimentel, irmán do conde de Benavente, é denunciado polos veciños da vila por ante a xustiza real, baixo a seguinte acusación, entre outras:

“tenia consigo en la dicha fortaleza algunos criados e parientes suyos y les consentian que matasen ombres y llevasen mujeres casadas e que matasen despues aquellos que las llevaban a sus maridos e por aquella cabsa en la dicha villa de han desfecho ocho o nueve casas de oficiales”.

O señor aparece ante o pobo como responsable do que fan os seus homes, e estes precisan matar ós artesáns para levar as súas mulleres, proba da tremenda resistencia que, despois do levantamento xeral da Santa Irmandade, tiñan que afrontar os pequenos “señores” para seguir exercendo o dereito degradado de pernada, que, a estas alturas, insistimos, desaparecido todo asomo de consenso vasalático sobre el, posto en práctica por campesiños vestidos de soldados, respostaba a unha imaxe elemental de forzamento de muller que, a pesar diso, recordaba ó tributo do Carballotorto no de levar mulleres casadas da xurisdicción, neste caso urbana. Preguntámonos se nas vilas da Galicia medieval tamén se esixiu o dereito da pernada, ou se o caso de Allariz non é máis cun rebrote illado sen precedentes nos usos e costumes da cidade.

Probablemente, o segundo; a temperán tradición de loita comunal, antiseñorial, das vilas galegas, nas que o dereito escrito tiña certa difusión, non facilitaba o uso do dereito do señor sobre as mulleres recén casadas. ¿Silencio cómplice? Se hai un silencio sobre o dereito de pernada nas fontes escritas -que se convirte en ruído cando se degrada-, sobre todo nas de tipo legal, tampouco as fontes orais se libran totalmente da tendencia a ocultar as prácticas feudais do sexo, acabamos de velo no discurso dos campesiños de Aranga. É preciso interrogarse porque dito uso señorial entra con tanta frecuencia no terreo do non-dito, do que se fai pero non se di e menos aínda se escribe. Sabemos que os usos e costumes de transmisión oral raramente se transcriben. E que cando a difusión dun dos ditos foros puidera ser causa de mala fama (isto é, cando a ética social comeza a rexeitalo) para o señor e para os vasalos implicados, tamén estes se repregan a certa cómplice intimidade que vela e enche de ambigüedades os feitos (as mulleres indo silenciosamente ó Carballotorto a non se sabe que servicio). ¿Garda isto algunha relación co silencio outorgante con que as mentalidades da época encubren a libre vida sexual de clérigos, e máis aínda de seglares, antes da reforma e do Concilio de Trento? É posible, pero precisamente as prácticas sexuais que se toleran non se ocultan. O encubremento é índice de mala conciencia e, no peor dos casos, de temor.

A privacidade da práctica da pernada sinala o grao do seu deterioro como dereito consuetudinario. Na súa orixe consiste na invasión pública, esixindo o seu dereito e exhibindo o seu poder, por parte do señor do corpo e da privacidade do espacio da muller, dos noivos e da casa familiar, o mesmo día e no mesmo lugar en que parentes e amigos e veciños se reunen para festexar o casamento e visitar ós recén casados.

A clandestinidade converte o dereito señorial en aberta violación, en pecado contra a honestidade, en violencia privada con fins sexuais que calquera home, sexa vasalo sexa señor, podería exercer sobre una muller. Chega un momento en que, perdido todo sentido para a comunidade do ritual sexual da primeira noite, as mulleres e os vasalos se cadra asinten e calan por medo ó señor, sinten impotencia fronte ó seu poder, caen nun consenso fatalista que se resigna ás prestacións corporais e actúan, en casos extremos, co servilismo do bo vasalo que procura quedar ben co seu señor, prestándose ó uso da filla, irmá ou esposa como obxectos sexuais. Non hai que esquencer que denunciar ó señor como presunto violador supón, ademais de desafiar a súa ira virtual -o que non estaba doadamente ó alcance dunha muller ou dunha familia individual, poñer en evidencia a deshonra da muller e da familia, e, aínda máis, a cobardía dos seus esposos, pais e irmáns… Misión imposible, fóra de conxunturas mentais de revolta. De feito, a práctica do dereito de pernada mingua consonte a mentalidade antiseñorial medra. Antes de que os vasalos tenten vivir sen señor, esmorecerá o uso señorial da pernada, ficando como sucedáneo a violación con abuso de poder, anque non por moito tempo.

A Constitución de 1812

No proxecto inicial de arranxo dos concellos da provincia da Coruña, segundo o R.D. de 23 de xullo de 1835, que a deputación provincial publicou no BOPCO, do 25 de abril de 1836, para que os veciños puidesen facer as observacións que lles suxerira o seu interese polo ben público, non figuraba como concello independente o de Aranga, senón que o mesmo, ou as parroquias que o formaban, incluíanse dentro da proposta como concello de Muniferral, que tería doce parroquias. Ó final a Deputación da Coruña, na sesión do 6 de xuño de 1836, dividiu en dous o proxectado concello de Muniferral: Coiros, con sete parroquias é Aranga, con seis, cinco que figuraban no proxecto en Muniferral (Feas, Fervenzas, Muniferral, Aranga, é, Cambas) e unha mais que non figuraba no proxecto: Santa María de Rodeiro. Máis tarde produciuse o traspaso da parroquia de Santa María de Rodeiro, que lle fora adxudicada na distribución de 1836, adscrición que foi rexeitada de inmediato polos veciños da parroquia, pedindo a segregación de Aranga e a súa agregación ó concello de Oza dos Ríos. A Deputación da Coruña, na sesión do 27 de xullo de 1836, rectificou a distribución das parroquias atendendo ás alegacións dos veciños. De forma fugaz a parroquia de Rodeiro pertenceu administrativamente ó concello de Aranga uns cantos días.

O 5 de abril de 1842 a Deputación da Coruña aprobaba un novo plan de redución de concellos (non levado a cabo) polo que o concello de Aranga desaparecía, e as cinco parroquias que o formaban, pasaban todas o concello de Irixoa. A perda dunha parroquia seríalle compensada co nacemento dunha nova parroquia: San Lourenzo de Vilarraso, (con 19 aldeas) creada polo arranxo parroquial do 1867. Xudicialmente, cando se fai a división do 3 de marzo de 1820, pasa a formar parte do partido xudicial de Betanzos, o mesmo lle acontece na división de 1834, dependendo dende entón do mesmo partido, inclusive despois da nova demarcación de 1988. Pola Orde do 24 de marzo de 1945, de establecemento dos xulgado comarcais, o seu xulgado de paz pasa a depender do xulgado comarcal de Irixoa, ata que quedou sen efecto dita reforma. En canto á xurisdición eclesiástica as parroquias de Aranga, que tradicionalmente formaron parte dos arciprestados de Pruzos e Xanrroxo, pertencen agora os seguintes arciprestados:

Pruzos: Aranga, Cambás. Sobrado: Vilarraso.

Xanrroxo: Feás, Fervenzas, Muniferral. Todas elas parroquias matrices pertencentes á diocese de Santiago.

O escudo heráldico do Concello de Aranga, está organizado da seguinte maneira: en campo de azul, a ponte de prata de tres ollos, sostido de ondas de prata e azul e superado da Cruz de Aranga; en xefe, ordenadas as cinco trabas de ouro. Timbrado con coroa real pechada. En cumprimento dunha R.O de Fomento do 30 de agosto de 1876, o Gobernador Civil da Coruña, remitiulle o Xefe do A.H.N. o 24 de setembro de 1877, as contestacións recibidas dos alcaldes da súa provincia, sobre os selos que usaran ou que viñan usando e a súa historia, a xustificación enviada polo alcalde de Aranga, o 23 de setembro de 1876, sobre o selo municipal dicía:

Neste distrito úsase o selo do axto dende o ano de 1867, que se reemplazóu por outro que se inutilizóu na mesma data. No dito ano tamén se construéu o da alcaldia e xunta local de primeiro ensino, e o do xulgado municipal, dende a súa creación, sen que se houbese usado outro ningún selo; non obstante que na época do goberno republicano, véu unha orde proibindo nos selos a coroa e todo atributo real, e dela o axto. Fixo caso omiso e continuó usando dos que aparecen. Ditos selos mandaronse construir a capricho sen outro orixe histórico, dos que carece este distrito, pois a súa instalación tivo lugar no ano 1836.

ARANGA NOS ANOS 30

 

(extraído do traballo “A Fosa de Villarraso” de Emilio Grandio Seoane e Eliseo Fernández Fernández)

O Concello de Aranga, como xa vimos de describir anteriormente,á altura dos anos trinta é un termo municipal de naturaza básicamente rural, que ten como elemento central a súa integración dentro da principal ruta de entrada e saída por terra a medio camiño entre as provincias de A Coruña e Lugo. De feito, non é un dos Concellos que pudiéramos chamar problemático á altura dos anos trinta dende a perspectiva da conflictividade política ou social.

A traxectoria da composición política do Concello de Aranga durante os anos da II República é bastante tranquila, por non chamarlle anodina, mesmo singular dentro dun contexto de política local altamente polarizado e conflictivo, con continuos cambios e trocos de concellais e integrantes da corporación local. Dos 13 concelleiros que compoñían a corporación de Aranga nestes anos entre os anos 1931 e 1932 había 9 pertencentes ó Partido Republicano Radical, e 4 da ORGA. Nestes primeiros anos a actitude da corporación republicana era de notable afinidade co rumbo que ía tomando a nova República. E tamén como en moitos outros lugares da xeografía galega o grande problema destes primeiros anos na aplicación das reformas republicanas foi a oposición dalgúns sectores eclesiásticos, na que a súa xerarquía nunca aceptou o sistema republicano de seu. Así, en setembro de 1932, de xeito prácticamente contemporáneo á tentativa de golpe de estado de Sanjurjo, ten lugar a aplicación da Multa imposta polo Ministerio de Gobernación a través do Goberno Civil da provincia ó párroco de Vilauxe de 300 ptas. por manifestarse contra o réxime e o matrimonio civil. Un máis dos moitos que se manifestaron neste senso e nestes momentos A maioría na corporación local dos radicais nunca se perdeu ata 1936. Así en 1934, os 13 eran do Partido Republicano Radical, e en 1935, según os datos de que dispoñemos, permaneceron 10 do PRR e 3 declarábanse na súa filiación política como ‘indefinidos’. O máis curioso de todo non é o dominio do radicalismo, nunha provincia dominada a nivel local polos ‘casaristas’, senón que non houbo variación ó longo de todo este tempo de persoas integrantes do Concello, ademáis de que o Concello non foi obxeto de suspensión ningunha, nin tan siquera con motivo da xeral destitución tras os feitos de outubro de 1934

  1. 3

2   El Compostelano, do 17 de setembro de 1932.

3   ARG, Fondo Goberno Civil, Mazo 2777.

O único cambio previsible nesta corporación foi precisamente o de 1935, e según outra fonte consultada, posiblemente os feitos de outubro de 1934 incidiran nelo xa que á altura de 1935 esta outra fonte indica que a corporación de Aranga intégrana 9 concellais do PRR e 4 da CEDA, relación que se correspondería bastante máis coa realidade da provincia, onde a designación de xestores integrantes das corporacións locais tras o outono de 1934 necesitaban corresponderse no máximo do posible co poder do Estado, nun gabinete de coalición entre radicais e cedistas.

Cunha vacante de secretario municipal permanente durante os anos republicanos, esta mesma fonte indica que no Concello só existía unha agrupación política local: a de Alianza Republicana, primeiro nome da oposición republicana na Dictadura de Primo de Rivera, antes mesmo da escisión dos ‘casaristas’ na ORGA, e integrada por militantes do republicanismo histórico radical. A maior preocupación social do Concello declarada neste Informe: la protección para la ganadería

O seu orzamento neste ano de 1935, pouco tempo antes de rematar a República era de 27.395’80 pesetas. A maior partida era para o capítulo 6, ‘Personal y material de oficinas’, con 8.870 ptas. , logo o de ‘Beneficencia’, con 7.455 ptas. e o Capítulo 1, de ‘Contigentes’, con 5.335 ptas. Resulta curioso salientar a reserva dunha importante partida para o capítulo adícado á ‘Instrucción Pública’, con 2.320 ptas, supoñemos que adicada á tentar equilibrar o deficit educativo do Concello a partir das medidas favorables neste senso dos gobernos republicanos. Tamén salientar a escasa cuantía dos gastos en ‘Policia Urbana y Rural’, con 25 ptas., ou en ‘Obras Públicas’, con 70 ptas

Son precisamente nestes Concellos, prácticamente sen vixiancia das organizacións políticas da oposición, onde a fraude electoral pode atopar a súa máis alta expresión. Así acontece nas derradeiras eleccións republicanas de febreiro de 1936: nas cifras recibidas das actas das 6 mesas electorais do Concello de Aranga nestas eleccións xerais non houbo nin unha soa sinatura de interventores. Nin do Bloque Contrarrrev. Nin da FP. Semella que alí as actas realizáronse de xeito rápido e sen vixiancia. O resultado foi unha votación maioritaria a favor da lista da dereita, con porcentaxes de participación moi altos para as dificultades de accesibilidade ós colexios electorais da zona

  1. 5.6.

4  ‘Informe al Ministerio de Gobernación’; ARG, Fondo Goberno Civil, Mazo 2691

5  Archivo General de la Administración, Sección Gobernación, Mazo 2519/1.

6  ARG, Fondo Goberno Civil, Mazo 2796, Eleccions 1936 

Unha vez comezada a Guerra Civil, quedando Galicia no lado dos golpistas, o concello Aranga convirteuse nun protagonista principal dos capítulos mais escuros da historia do país. A represión franquista desde os inicios da guerra ata chegados os anos 50 sembrou de  “paseados” as cunetas e rios do concello, convertindo a Aranga nun dos concellos rurais onde mais vítimas do franquismo se rexistran. Os rexistros dinnos que as vítimas eran trasladadas a Aranga desde diversos lugares coma dos cercanos concellos de Betanzos coma desde A Coruña ou Ferrol, co probable propósito de dificultala sua identificación e amedrentar a poboación nun entorno onde actuaba e se refuxiaba a IV Agrupación da Guerrilla.

A todo sumar que, a pesar  de non aparecer coma “paseados” veciños do concello, se se revisan ben o rexistro Civil destes anos poderemos atopar diversas mortes violentas de veciños e veciñas, que, a falta dunha investigación mais completa, apuntan a represión propia destes tempos.

Pasado xa o peor dos capítulos da historia local de Aranga, os anos seguintes non foron moi distintos os de outros concellos rurales do país. A pobreza do rural arrastrou a moitos veciños o drama da emigración, durante anos o rural anclouse nunha forma de subsistencia extrema, dependendo moitas familias das aportacións dos emigrados ou dos xornaleiros que se desplazaban a Castela a sega.

O capítulo da “Sega” en Castela ten ben merecido un futuro artigo, polo drama que representou para milleiros de galegos. Desde a lonxanía do tempo son moitos os que recordan a parte aventureira e de “festa” que supoñía ir a sega, pero centos de galegos morreron nesta travesía, tanto no camiño coma polas penurias das condicións de vida no tempo que votaban nas Castelas. Eran moitos os que regresaban enfermos, pero ano tras ano voltaban no tempo da malla os campos de Castela, en moitos casos coma única fonte de ingresos para o sustento da familia

 

publicidade

Podes atopar parte dos contidos da antiga web en :

santiaranga.wordpress.com

en redes sociais

Versión para imprimir | Mapa del sitio
© Santiago Fernández Sánchez