Da ermida da Ascensión (Monfero) á de S. Vitorio (Cambas-Aranga).
No elevado emprazamento das estribacións da Serra da Loba, marcando xa os límites da nosa comarca, atopamos un dos enclaves máis ricos do patrimonio arqueolóxico de Galicia ademais duna paisaxe verdadeiramente impresionante pola súa altura e soidade. Tátase dun grupo de enterramentos prehistóricos (mámoas) delimitadas polas ermidas da Ascensión e de San Vitorio. Chama poderosamente a atención as tentativas de cristianización do lugar, así temos en pouco menos dun quilómetro ás mámoas, dúas ermidas e tres cruceiros.
Algúns dos enterramentos ou mámoas foron excavadas en 1944 por Arsenio García Freire baixo a dirección de José Mª Luengo, que lles deron o nome de Campo de mámoas de San Vitorio, polo nome da ermida. Catalogáronse un total de 13 mámoas entre S. Vitorio e o Cruceiro da Loba. Estas presentan forma oval ou case circulares, e os eixos están entre 12 e 14 metros. Na excavación non se atopou obxeto algún xa que todas sen excepción foron violadas polos buscadores de tesouros. Poderían encadrarse cronoloxicamente na última época do período eneolítico. Vaquero Lastres nun estudio realizado hai uns anos sinalou 21 destes enterramentos entre a Serra das Medoñas e Galiñeiro.
Nestes traballos esténdese o grupo de mámoas entre a ermida de San Vitorio e o Cruceiro da Loba, e non se contabilizou outra posible mámoa situada a cincuenta metros da capela da Ascensión, que ampliaría así entre as dúas ermidas o campo de enterramentos.
No folclore das xentes recollemos que se dicía que usábanas os mouros para defenderse cando había guerra. Foron tamén usadas como trampas para lobos: “Poñíase un cainzo enriba cunha ovella ou un carneiro atados. Cando o lobo quería collelo subíase ó cainzo e este daba a volta e o lobo caía dentro do furado da medoña.”
Representan un conxunto arqueolóxico bastante ben conservado, pero as terras nas que están situadas son de propiedade privada. Esto presenta un factor de risco xa que o que noutros tempos eran terreos baldíos convertéronse en prados e terras de labor con todolos problemas que esto leva. Así hai aproximadamente un ano a prensa deu noticia que unha delas fora agredida por un tractor ó roturar uns terreos.
Nas inmediacións da ermida de S. Vitorio os axentes atmosféricos moldearon unhas penedas con formas curiosas, unha delas é a Pisada de Roldán (coñecida xa así no Catastro de Ensenada do s. XVIII. É unha cavidade en forma de pé de 1,88 m. de larga por 0,74 m. de ancha na planta e 0,50 no talón cunha profundidade de 20 cm. Estas cavidades estan firmemente ligadas ás crenzas populares, que as atribúen a personases famosos e Santos. Roldán –recollido no diccionario dos seres galegos míticos galegos-, paladín dos Doce Pares de Francia e sobriño de Carlomagno que o pobo converteu en San Roldán. Chegou coas tropas do emperador e axudou a expulsar ós mouros. As lendas din que deixou a súa pegada ó baixarse do cabalo neste lugar sagrado. Outras lendas din que pisou no penedo e achancou ata Os Villares, onde hai outra pisada semellante. O nacemento destas lendas estivo ligado á existencia do camiño de peregrinación a Santiago que pasaba por este lugar.
Nas inmediacións atopamos a Pena do Queixo –porque ten forma de queixo- e a Pena do Fume, porque cando chove méteselle a auga por uns furados que ten e sae por outros como se fora fume.
E máis que probable que fosen todos estes factores que influísen na existencia dun culto litolátrico que xunto coa presencia das medoñas, dese lugar á construcción das ermidas neste sitio descampado e lonxe de lugar habitado, para borrar coa influencia cristiá o culto pagán anterior.
As ermidas da Ascensión e S. Vitorio teñen entre si unha certa relación, xa que ademais de seren creadas para a substitución do culto pagán anterior, e a pesar de pertenecer a concellos distintos actualmente, celebran cada unha a súa romaría no mes de maio, mes no que os santos xúntanse nunha soa capela, cristianizando co seu paso todo este recorrido.
A ermida da Ascensión (chamada así porque está no monte da Ascensión), aínda que nalgún tempo foi tamén coñecida comoCalvela, presenta unha construcción de tipo popular nunha vagoada do terreo de forma rectangular con tellado a dúas augas e porche con columna. No dintel da porta podemos ler a seguinte inscrición: ESTA CAPILLA HICOSE ANO 1767. No interior ten unha sorprendente decoración de puntos que pode estar relacionada coa crenza nos poderes curativos da auga da fonte que había neste lugar.
A fonte era de cantería, pero xa hai anos que a auga é recollida para unha traida dos vecinos. As pedras da fonte están apartadas e parece que se vai reconstruír de novo. Alí ía moita senté para quitar os males da pel, principalmente a sarna. Lavabánse ca auga da fonte e os trapos que usaban para secarse deixábanos encima da silveira para que segundo ían podrecendo o trapo fose curando a enfermidade. Nos anos cincoenta e sesenta aínda ían romeiros a lavarse. Celebrábase a romaría o 15 de maio e pode escoitarse por boca da senté a seguinte aseveración : Tres días hai no ano que brillan coma o sol: Xoves Santo, Hábeas Christi e o día da Ascensión”.
Ten un cruceiro granítico, con fuste disminuindo en altura, baixorrelevo do Cristo e a Virxe bastante toscas. Non ten capitel. Pode ser da época da construcción da ermida, pero polas formas primitivas das imaxes e a solidez, pode ser que se tentase de cristianizar o lugar coa instalación do cruceiro e máis tarde se construíse a capela.
A ermida de S. Vitorio presenta claras similitudes coa da Ascensión, tamén de construcción popular con grandes bloques de granito, presenta planta rectangular con pórtico sostido por un muro baixo, sobre o que se eleva unha columna. A porta adintelada con cruz de brazos triangulares ou signos lapidarios. A cuberta é de lousas e remátase nunha cruz. A imaxe do San Vitorio leva túnica curta e manto tamén curto.
Cóntase que foi construida a ermida e o cruceiro no 1560 por unha persoa devota que non tiña descendencia e que no seu testamento cedeuna a uns vecinos do lugar xunto cunhas terras para o seu mantemento e a obriga de celebrar a romaría do S. Vitorio na terceira semana de maio (22 de maio). Estes vecinos eran os irmans Cainzos, que son os actuais donos da ermida.
A igrexa celebra tres santos co nome de Vitorio. Curiosamente, en moitos lugares este santo é avogoso da sarna. O S. Vitorio de Cambas non era avogoso das enfermidades da pel –para o que xa estaba a fonte da Ascensión-, pero disque tiña boa man para os animais e as colleitas, polo que era normal ver ós romeiros no seu día con pezuñas, orellas e cacholas de porco e espigas de mainzo. Estas dádivas axudaban para celebrar o día da romaría, da que estaban encargados or irmáns Cainzos. Hai algúns anos deixou de celebrarse por cuestións alleas ós propietarios.
Entre as dúas ermidas está o Cruceiro da Loba, á beira do camiño Real de Monfero a Guitiriz e que divide os concellos de Monfero, Aranga e Guitiriz (Lugo), e polo tanto as provincias da Coruña e Lugo. Neste lugar existía a coñecida como Casa da Loba, pero foi derrubada hai algúns anos e actualmente non se conserva ningún resto. Aquí dise que se refuxiaba unha célebre salteadora de camiños coñecida como Pepa a Loba. Este personase, igual que o de Roldán, aparece muy frecuentemente no folclore de Galicia, ainda que non fose un personase real. No lugar da Torre (onde apareceu unha figura de acibeche, publicada por Vales Vilamarín) hai un dintel antigo nunha casa cunha cruz gravada, e ó lado desta casa hai unha torre semidestruida que por alí din que era o Pazo da Loba. Hai que recordar que o nome de Lupa era frecuente na época medieval, polo que tampouco ten que ter unha relación directa coa coñecida salteadora. Neste mesmo lugar hai uns anos encontrouse unha cadea de ouro grande, tipo Bispo, e cinco moedas de ouro; todo este tesouro foi vendido a un señor de Lugo.
A XANELA, Outono 2001. Nº 15.